Sunday 05 de May de 2024

O BNG esixe ao Goberno Municipal respetar a legalidade na oposición a postos de Policía Local


– A resposta emitida polo Alcalde ao recurso presentado por participantes na oposición, denegando a revisión de oficio dos actos do procedemento selectivo, é nula por ser competencia do Pleno Municipal.

– O procedemento selectivo debería estar paralizado dende o 24 de marzo.

– Na resolución da Alcaldía tivéronse en conta informes emitidos por unha persoa condenada polo Tribunal Supremo a inhabilitación para emprego ou cargo público durante 8 anos por un amaño doutro proceso selectivo no Concello de Sada.

Varios participantes no proceso convocado polo Concello de Culleredo para a selección de novos Policías Locais interpuxeron o 24 de febreiro un recurso para a revisión de oficio do procedemento selectivo, pois consideraban que o tribunal estaba constituído de forma irregular. Pedían, ao mesmo tempo, que se suspendese calquera acto posterior a interposicion do recurso. O 21 de marzo, días antes de que o proceso quedase paralizado ao exceder o limite dun mes para a resposta ao recurso, o alcalde emite unha resposta pola que inadmite a solicitude presentada por varios dos opositores.

Esa resolución do Alcalde sería nula de pleno dereito ao non ser competencia da alcaldía emitir a resposta ao recurso, se non do Pleno, seguindo a lexislación e xurisprudencia a este respecto. Por tanto, o 24 de marzo, de acordo coa Lei de Procedemento Administrativo, o procedemento selectivo debería quedar suspendido, por non haber resposta válida ao recurso presentado.

A xurisprudencia do Tribunal Supremo é moi clara. A Sentencia 1646/2022, de 13 de decembro de 2022, da sala 3ª do Contencioso-Administrativo, Sección 5ª, di: “el órgano competente para conocer de las revisiones de actos nulos de pleno derecho de los Presidentes de las Corporaciones Locales de régimen común es el Pleno del Ayuntamiento”, e remata: “no cabe la delegación de tal facultad”.

A maiores, na resolución emitida polo Alcalde téñense en conta informes emitidos por unha persoa condenada polo Tribunal Supremo a inhabilitación para emprego ou cargo público durante 8 anos. Esta persoa estivo envolta no amaño doutro proceso selectivo no Concello de Sada.

Para o BNG de Culleredo, ante as continuas mostras acumuladas de falta de transparencia neste procedemento selectivo, é o noso deber esixir ao Alcalde e ao seu grupo de goberno que rectifiquen e obren con respeto á legalidade, polo ben da veciñanza e dos intereses do propio Concello de Culleredo.